SciELO - Scientific Electronic Library Online

 
vol.12 número34Àngels Viladomiu, flores y plantas: La naturaleza como tema de exploración artísticaInterações Dialógicas no Processo Artístico de Cláudia Amandi: o Eu e os Eus-Outros índice de autoresíndice de assuntosPesquisa de artigos
Home Pagelista alfabética de periódicos  

Serviços Personalizados

Journal

Artigo

Indicadores

Links relacionados

  • Não possue artigos similaresSimilares em SciELO

Compartilhar


Revista :Estúdio

versão impressa ISSN 1647-6158

Estúdio vol.12 no.34 Lisboa jun. 2021  Epub 30-Jun-2021

 

Artigos originais

As técnicas de escapismo na obra de Alejandra Pombo

The techniques of escapism in the work of Alejandra Pombo

Berio Molina1 

1 Universidade de Vigo, Facultade de Belas Artes (BBAA), Rúa da Maestranza, 36002 Pontevedra, Galicia, España.


Resumo

Esta comunicación é unha procura da maxia, unha investigación que intenta responder, coa rabia de quen foi seducido, a unha mesma pregunta que sempre nos xorde ao ver unha obra da artista Alejandra Pombo: como fai para escapar? cales son as súas estratexias para actuar coa máxima liberdade posible nun contexto artístico cada ver máis controlado por inxerencias institucionais, sociais e profesionais? Para abordar esta cuestión o traballo xira arredor dunha conversa persoal coa artista, así como de lecturas e visionados doutras fontes documentais como a súa tese, entrevistas, escritos e pezas artísticas.

Palavras-chave: performance art; perencontro; videoarte; cine

Abstract

This communication is a search for magic, an investigation that tries to answer, with the anger of those who have been seduced, the same question that always arises when we see a work by artist Alejandra Pombo: how do you escape? what are your strategies for acting with the maximum possible freedom in an artistic context increasingly controlled by institutional, social and professional interference? To address this issue the work revolves around a personal conversation with the artist, as well as readings and viewings of other documentary sources such as his thesis, interviews, writings and art pieces.

Keywords: performance art; perencontro; video art; cinema

1. Introdución

Alejandra Pombo é unha artista nada en Santiago de Compostela en 1979. É licenciada en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. A súa obra artística acolle varias disciplinas como o cine, a performance, a escritura, a escultura, o debuxo, a pintura e a arte sonora.

O obxectivo desta comunicación é desvelar as estratexias que a artista emprega para conseguir canear as convencionalidades presentes no contexto da creación artística contemporánea, tanto internas á propia artista como externas. Faino tomando como punto de partida unha formulación teórica iniciática exposta nun conxunto de prácticas e escritos que Pombo denomina Curso de escapismo, para a continuación profundar sobre unha serie de estratexias que foi desenvolvendo ata a actualidade.

O fío condutor desta investigación xira arredor dunha conversa realizada coa artista a comezos deste ano 2021, onde nun proceso de descubrimento mutuo foron desvelándose estas estratexias asociadas a diferentes disertacións teóricas de Pombo, publicadas en diferentes momentos da súa traxectoria e consultadas para a súa necesaria profundización.

2. Un acto iniciático de fuga: o Curso de escapismo

El Curso de Escapismo se pone en práctica a través de performances que se crean a través de la creación de Manuales de Escapismo que se performan según el contexto y el espacio en donde se ponga en práctica el curso. (Pombo, 2009).

O Curso de escapismo remóntase aos inicios da traxectoria artística de Alejandra Pombo cando no ano 2004 presenta na Fundação de Serralves (Oporto) a súa peza ¿Y ahora qué?, onde xa pon en práctica a metodoloxía da súa creación: facer accións a partir dun manual de escapismo creado colectivamente para cada ocasión.

Manual de escapismo. Junio 2007.

  • 1. Introducción al curso: Presentación, metodología…

  • 2. Tensión: Dar lugar a las casillas vacías que nos permitirán movilizarnos.

  • 3. Desequilibrio: Situarse en los bordes para sentir las posibles trayectorias.

  • 4. Caída: Permitir que alguna de esas trayectorias pueda adquirir la consistencia necesaria para provocar un giro en la situación en la que uno se encuentra.

  • 5. Desaparición: afrontar el giro como acto de resistencia.

  • 6. Al final todo es una cuestión de super-vivencia. Yo soy un superviviente. (Pombo, 2009)

Nestes manuais de escapismo aparecen xa as claves que máis adiante desenvolverá en profundidade, as estratexias que a artista utiliza para emprender o seu plan de fuga (Figura 1).

Figura 1: Alejandra Pombo, un dos manuais do curso de escapismo, 2009. Fonte: Alejandra Pombo. 

Por un lado aparece a necesidade de saír do seu propio corpo para conformar un corpo colectivo, que ela presenta en formato de curso. Isto facilítalle abrir un campo de posibilidades alleas a ela mesma e polo tanto provocar una situación propicia ao descubrimento. Facilita a través do desdobramento unha situación na que pode acontecer o inesperado.

Logo fai un chamamento ao vacío, coma se fose unha chamada ao medo. É dicir, xerar unha tensión provocada pola perda, por desfacerse de todo coñecemento previo, de toda convencionalidade. A intención é deixar espazo ao propio momento xa que para Pombo o acontecer da acción é o que determina a súa forma final. A artista non quere comunicar unha mensaxe a través da performance senón que sexa a propia acción a que estableza as súas normas, as súas relacións, a súa propia forma. E para que a artista non poida impoñer a súa narrativa debe partir dunha situación de vacío, como se dixese: Non podo contar nada porque non hai nada en min, pero agora que estou baleira si podo experimentar o momento en toda a súa plenitude e descubrir a propia forma deste momento.

A continuación aparece a necesidade de situarse nos límites para sentir outras posibles traxectorias. Este é quizais o momento clave do plan de fuga, provocar unha ruptura coa continuidade, coma se fose andando por un terreo ata que se atopase co corte dun precipicio ao que asomarse, mirar ao seu arredor, e divisar toda a inmensidade da paisaxe. Trátase de atopar as fisuras do contexto a través do desequilibrio, por medio dunha perda de estabilidade.

No punto catro a artista invita a deixarse levar polas traxectorias que apareceron nos lindes, é dicir, polas novas posibilidades que se presentan coa inestabilidade. É o momento no que se pode realizar un xiro, un cambio de sentido. Este é o instante no que fai aparecer o descoñecido, aquelo que sorprende á propia a artista e a todo aquel ou aquelo que se atopa compartindo ese mesmo momento. É un novo sentido.

Remata igualando a resistencia coa desaparición. Son dous termos que parecen antagónicos e que van acompañados da pregunta de como se pode opoñer unha resistencia cando se carece de corpo? Este xogo de contrastes está tamén moi presente ao longo da súa traxectoria, como se comenta no capítulo da camuflaxe, e neste caso é unha estratexia para ter unha maior presenza. A sorpresa de quen descubre á artista camuflada nunha paisaxe fai que a súa presenza cobre de repente máis peso.

Convén por último chamar a atención sobre os verbos que emprega ao describir os diferentes pasos do manual: dar lugar a, permitir, sentir. Son chamadas a suprimir a propia vontade da artista e o seu corpo para que sexa o acontecemento quen dite as leis de comportamento. A artista ponse á mercé da situación.

2. As estratexias para escapar

Nun contexto artístico -entendido como ameaza- onde parece que nunca houbo tantos controis de calidade (inxerencias institucionais), opinións (inxerencias sociais), e follas de estilo (inxerencias profesionais), a obra de Alejandra Pombo parece colarse sempre por pequenas fendas invisibles que só se chegan a intuír cando xa é demasiado tarde, cando tan só queda tropezarse cos restos da súa fuga. Esta procura de fendas non é máis que unha procura do descoñecido, aquelo que aínda está inédito e que xorde nun encontro compartido, o que ela mesma denomina perencontro.

El Perencuentro es ese tipo de encuentro entre dos entidades distintas que no se produce por un enfrentamiento, un intercambio, disolución, transmisión, contacto o identificación, sino que se produce a través de la conjunción de los entornos que cada entidad posee. Esa conjunción crea Esa Cosa que tiene el poder de transformar a un nivel perceptivo las identidades implicadas al variar sus entornos (Pombo, 2015:242)

Esa Cosa é a obra, que obrigatoriamente ten que obrarse a si mesma, é dicir, ten que aparecer das relacións que se establecen entre os elementos que comparten a acción. Mais esta relación debe xurdir dos lindes dos propios elementos, do que a artista denomina contornas: o que pertence a eles pero que está fóra, ou a través da fenda.

Cuando el Perencuentro se da lugar es como un accidente, es decir, algo que no se puede buscar o provocar, es algo que sucede. Provocar el accidente aniquila lo accidental convirtiéndolo en proyecto. El arte es apariencia de accidente. El arte es resultado de un acto deliberado. Y ahora no puedo olvidar decir que el Perencuentro en el arte no puede escapar de la experimentación. (Pombo, 2015:244)

Aínda que a artista non busque un accidente concreto xa que o convertería nun fin planificado onde non tería cabida a sorpresa, o descoñecido, o que si fai é establecer unha serie de estratexias para que algún tipo de accidente se produza, sen saber exactamente cal. É dicir, a súa experiencia cos accidentes lévaa a adquirir un coñecemento sobre as circunstancias que os producen, e así vai acumulando unha serie de estratexias que posibilitan que algún tipo de accidente se produza.

Mais como se pode provocar un accidente sen querer facelo?

En primeiro lugar deixando que as contornas que teñen lugar nese perencontro teñan espazo para manifestarse e transformarse, variando ao mesmo tempo as contornas coass que está en relación, nunha sorte de efecto de reverberación.

E en segundo lugar saíndo do seu propio corpo, situándose nos límites da súa pel, ben a través do desmaio, da camuflaxe, do desdobramento ou da metamorfose, para remitir calquera tipo de intencionalidade. Segue sendo ela mesma, pero fora da súa constitución histórica. Á artista ao que máis lle interesa é saírse de si mesma para chegar máis aló da súa imaxinación, escapar de si mesma para escapar dun ideal e sorprenderse.

2.1 O desmaio

Alejandra Pombo entende o desmaio como un corte na continuidade temporal que incita ao descubrimento.

Dende que te desmaias e ata que te das conta de que te desmaiaches tes un tempo no que estás na realidade, recoñécela, pero ten outra lóxica. (Pombo, 2021)

O tempo transcorre con normalidade ata que se produce o desmaio, logo segue o seu avance habitual pero a artista xa non é partícipe del, e cando volve a ser consciente retoma a liña temporal onde a deixou. Este lapsus temporal provoca que se produzan novas conexións que alimentan a sorpresa e o descubrimento. Podemos imaxinar por exemplo que Pombo vai andando pola rúa e cae desmaiada cando estaba mirando un escaparate de paraugas, durante o tempo que está tirada no chan inconsciente aparece unha persoa que leva un can, ponse a lamberlle a cara e xusto nese momento a artista recobra o coñecemento. O último que viu antes de desmaiarse foi un paraugas e o primeiro que viu ao despertar foi a lingua do can. Aí establécese unha conexión nova por unha ruptura da continuidade temporal, o can e o paraugas agora están unidos, forman parte da mesma secuencia, coma se fose un corte de plano dunha película. A conexión é sorprendente e aparece o descubrimento.

Unha vez que tes a explicación resólvese a incógnita. Iso non é o interesante. O interesante é que a incognita perdure, porque iso é o que che deixa nun estado de vibración, de algo novo, de descoñecido. Iso quédache aí. (Pombo, 2021)

2.2 A camuflaxe

A camuflaxe é unha estratexia que aparece en moitas das súas películas. Sobre todo en Glade. Trátase dunha ruptura da presenza por contraste. O seu corpo aparece transparente, fundido nun espazo, na imaxe, ata que de súpeto a mirada nota algo estraño e dáse conta da súa presenza. De novo o descubrimento. A mirada párase no seu corpo e fíxase nos detalles, no pelo, no pequeno movemento da luz sobre a súa roupa, do parecido da cor do seu pelo coa cor dunha planta que hai ao seu carón. O seu corpo pasou de pasar totalmente desapercibido a ser o foco de toda a imaxe, creando relacións con todos os elementos que hai dentro dela (Figura 2, Figura 3). O descubrimento dun corpo ausente modificou todas as formas que estaban dentro da imaxe. A camuflaxe provocou unha situación de descubrimento, e a mirada do descubridor atopou un novo sentido en toda a imaxe.

Eu creo que por exemplo cando eu fago relacións cando estou facendo algo son relacións que veñen da propia cousa, é dicir ti (…) podes propiciar unhas relacións, ou o teu estado de atención, pero si que é verdade que iso vén de algo que é da propia cousa. Non é que ti fagas unha idea, un ideal na túa cabeza e digas ah! vou facer estas relacións, senón que é algo que tes que estar en pos da cousa porque senón tampouco é un descubrimento para ti, é dicir, o mesmo proceso que pasa por min como artista é o que quero que pase ao espectador, que haxa un descubrimento. (Pombo, 2021)

Figura 2: Alejandra Pombo, Glade, 2013. Película. Fonte: Alejandra Pombo. 

Figura 3: Alejandra Pombo, La ventaja de poder interpretar desde arriba, 2007. Fotografía. Fonte: Alejandra Pombo 

2.3. O desdobramento

Na obra de Alejandra Pombo a estratexia da camuflaxe vai ligada en moitas ocasións a un espazo selvático. Parece lóxico pensar que nun entorno onde hai tantos estímulos visuais resulte máis doado agocharse entre todas as súas formas. Mais ás veces nesa camuflaxe próducese un desdobramento do corpo da artista onde poden convivir un primeiro corpo normativizado e tamén un corpo-animal (xunto a moitos outros tipos de corpos)

Cuando alguien nos está observando puede que nos crezcamos, o que también tengamos vergüenza, que nos empeñezcamos (…), y cuando estamos a solas hay esa dejadez… Pero el animal lo va a dar todo siempre, da igual que esté alguien o que no esté nadie, y eso me gusta mucho, que no haya esa diferencia (Pombo, 2021)

Estos xogos de desdobramento introducen novas posibilidades de relacións para que se produza ese descubrimento tan anhelado pola artista. Os desdobramentos supoñen colocar ás entidades en diferentes posicións ante unha mesma situación, coa idea de incrementar as posibilidades de que xurdan sentidos inesperados. No caso do desdobramento nun animal coloca á entidade nun ser primitivo, no sentido de que todo o seu comportamento está focalizado na propia experiencia da situación, nun nivel moi directo, sen máis condicionantes que a relación máis básica, transparente, espontánea, ou inocente, da entidade co seu entorno.

Resulta inevitable identificar tamén estes desdobramentos coma espectros, entendidos como proxeccións dunha entidade que busca escapar das relacións normalizadas para facer aparecer o inesperado, como moi acertadamente expón Alberto R. de Samaniego ao definir a acción das pantasmas:

Horadar las determinaciones ordinarias. Desbloquear y desocultar relaciones tópicas (…) en las cuales operan siempre los poderes y las polillas de lo cotidiano, o de lo normativo, o de lo normalizado. (Samaniego, 2013:21)

2.4 A metamorfose

Hay otra estrategia: no identificarte con un medio (…). Lo que me interesa es estar continuamente cambiando, porque el hecho de estar confrontándote con nuevos medios son sorpresas (…). Esa libertad que te da (…) te sitúa en un lugar donde no tienes que dominar una técnica, sino trabajar más en el como que en el que. (Pombo, 2021)

A estratexia da metamorfose é unha estratexia que xorde para escapar de todos os condicionantes contextuais, é dicir, das inxerencias que poidan vir da propia profesión artística (regras de estilo e técnica); das inxerencias do mercado (a repetición dunha mesma forma artística); das inxerencias institucionais (unha desmesurada concepción da arte como proxecto); ou das inxerencias sociais (a excesiva importancia da opinión externa que pode provocar unha auto-censura).

A metamorfose permítelle á artista estar nun continuo cambio que lle facilita non caer nas redes de todas estas inxerencias externas, coa principal finalidade de que a súa obra se manteña fiel as sí mesma. Isto supón unha situación paradoxal xa que para que a súa obra non perda a súa identidade debe cambiar de forma constantemente, precisamente porque a esencia do seu traballo artístico está na necesidade continua de escapar, de posibilitar unhas relacións que sempre produzan un descubrimento novo.

Conclusión

Podemos concluír coa idea de que a finalidade principal da obra de Alejandra Pombo é a do descubrimento. Arredor desta sinxela premisa xira unha complexa estrutura que se basea principalmente nunha metodoloxía: o curso de escapismo; nunha formulación formal: o perencontro; e nun conxunto de estratexias de separación corporal: o desmaio, a camuflaxe, o desdobramento e a metamorfose.

Esta estrutura permítelle á artista estar nunha posición de continuo movemento onde cada traballo se vai construíndo a sí mesmo, evitando calquera inxerencia que poida encerrar á obra nas múltiples coirazas que o contexto artístico vai construíndo, tanto no ámbito institucional, social, profesional, económico, como persoal.

A min interésame moito a idea de descubrimento no sentido de que o facer é o que da lugar a encontrar a propia forma do que estás facendo. (Pombo, 2020)

Referencias

Pombo, Alejandra (2020).Vídeo resumo da conferencia performativa de Alejandra Pombo, A importancia de ser iceberg. [Video Media file]. [Consult. 27-02-2021]. Dispoñible en: https://numax.org/actualidad/detalle/video-alejandra-pomboLinks ]

Pombo, Alejandra (2009).Puestas en práctica del curso de escapismo. [Consult. 27-02-2021]. Dispoñible en: http://vampirillasilvestre.net/practica.htmlLinks ]

Pombo, Alejandra (2015). La performatividad como experiencia artística: el perencuentro. Paradojas y usos de la categoría performance en el ámbito artístico. (Tese de doutorado. Director: Prof. Dr. Juan Luis Moraza). Pontevedra: Universidade de Vigo, 2015. [Consult. 27-02-2021]. Dispoñible en: http://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/bitstream/handle/11093/567/La_performatividad_como_experiencia_art%c3%adstica.pdfLinks ]

Pombo, Alejandra (2021).Entrevista a Alejandra Pombo [MP3 Media file]. [Consult. 27-02-2021]. Dispoñible en: https://beriomolina.com/entrevista-a-alejandra-pombo/Links ]

Ruiz de Samaniego, Alberto (2013). Ser y no ser: figuras en el dominio de lo espectral (Primera edición). Micromegas, Murcia. ISBN: 978-84-940545-2-5 [ Links ]

Recibido: 28 de Febrero de 2021; Aprobado: 01 de Marzo de 2021

1 Berio Molina é artista e estudiante de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Faculdade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade da Vigo. As suas principais liñas de investigación é a caligrafía acusmática e a paisaxe sonora de Galicia. Morada: Universidade de Vigo, Facultade de Belas Artes (BBAA), Rúa da Maestranza, 36002 Pontevedra, Galicia, España. E-mail: beries@gmail.com

Creative Commons License Este es un artículo publicado en acceso abierto bajo una licencia Creative Commons